0

Papelín xa ten historia!

Ao longo da mañá de hoxe as nenas e nenos que participaron na creación deste conto viaxeiro recibirán un exemplar en papel. Para as que non tedes esa sorte, aquí vos queda a versión online!

Moitas voltas lle deron á cabeciña e que cousa bonita fixeron!

conto montado 2016-01

 

0

E colorín, colorado…

… o conto está rematado!

O luns puxémoslle o ramo ao Conto Viaxeiro de Compostela 2016. O CEIP de Roxos foi o encargado de discurrir un final para esta historia de supereroes, alieníxenas e unhas forzas do mal de tamaño XXL que queren acabar con toda a cultura do mundo e sumilo na máis absoluta escuridade. Conseguiríano?

Pooooois… aínda vai haber que agardar un pouco antes de saber o final. Xa logo teremos o conto pronto para ler. Tede pacieeeeencia!

(Ah, esquecíamos! A rapazada de Roxos escolleu o debuxo de Rodrigo para incluír no conto final. Parabéns, Rodrigo!)

0

Combatendo a escuridade nas catacumbas da catedral

cvf-1140O mércores visitamos por primeira vez o CEE Manuel López Navalón e quedamos encantados. Mirade canto deron de si as dúas sesións:

Lucente contoulles como no seu planeta a Doutora XXL acabara coas bibliotecas, coa arte e mesmo coa lingua. Agora era o Planeta da Escuridade. Non podían permitir que fixese o mesmo coa Terra!

Mentres estaban a falar viron a gran nave da malvada Doutora aterrar na Alameda. Correron cara alí para enfrontarse a ela. Cando chegaron, xa non estaba. Entón Lucente tivo unha idea:

- Co meu raio podo facer que estas estatuas revivan e igual elas viron por onde escapou esa malvada. As estatuas eran as Marías.

As Marías, agradecidas por lles devolveren a vida, dixéronlles que a malvada escapara cara á catedral. Xa na catedral, deron con ela nas catacumbas. 

Papelín atacouna co seu superpapel, pero a Doutora XXL protexíase cun cristal no que o papel rebotaba.

Entón Lucente lanzou un raio co que conseguiu romper o cristal da Doutora e Papelín e mais Supertoalliña lograron detela.

Que emoción!!!! Estamos a nada de rematar o conto e iso nótase :D Hoxe poñémoslle o FIN en Roxos!

Os debuxos elixidos desta volta foron os de Uxía, do Rodríguez Xixirei e o de José M. do mesmo CEE Manuel López Navalón.

0

Aterraxe na Lavacolla

cvc-1063Papelín e Toalliña, alleos ás artimañas da Doutora XXL, correron a depositar a bomba na Galaxia Plutonio, porque estaba xa a piques de estoupar.

De volta para a Terra, cando estaban a aterrar na Lavacolla, un alieníxena do Planeta Luz que se chamaba Lucente alertounos de que a Doutora XXL ía facer xigantes malvados co papel que lle deran a Bluexín.

Que vos parece? Xa nos daba o corpo que na Lavacolla habían traballar con xeito :D

O debuxo escollido desta volta foi o de Aarón, do CEIP de Vite.

Hoxe temos sesión dobre no CEE Manuel López Navalón. Aaai, que ganiñas de saber o que vai pasar!

0

A Doutora XXL chega a Vite cun exército de xigantes

CVC-0933Pois como se agardaba, en Vite déronlle ben á cachola e velaquí o resultado:

En realidade Bluexín era un esbirro da Doutora XXL, que quería destruír toda a cultura da Terra. 

Con ese anaco de papel ía crear un exército de xigantes que lanzaban raios XXL polos ollos para acabar con Papelín Papelón, o seu principal obstáculo.

E decidiron que fose o debuxo de Sergio Senra Barrantes do Colexio San Jorge o que formase parte do conto final.

Hoxe imos andar por Lavacolla! Agárdanos a rapazada do Rodríguez Xixirei, que son uns conteiros de medo… Seguro que nos sorprenden :D.

0

Un alieníxena azul no Colexio San Jorge

CVC-0792

Cando xa estaban collendo impulso para atravesar a estratosfera, alguén os detivo: un alieníxena azul chamado Bluexín. 

Cunha pistola de pompas atacounos e encerrounos nunha delas.

Bluexín levounos ao planeta XXL e meteunos nunha cela.

Papelín e Toalliña intentaron convencelo para que os liberase, pero Bluexín non cedía. Entón ensináronlle a bomba por entre os barrotes da cela e asustárono para que os deixase saír. Empezaron a falar:

- Temos unha bomba e pode explotar en calquera momento. – Dixéronlle os dous amigos.

- Moi ben, ceivareivos, pero a cambio dun anaquiño do teu papel. 

Papelín deulle o anaquiño de papel e Bluexín liberounos.

Moito lle dan á cabeza no Colexio San Jorge! E inda tiveron tempo de escoller as ilustracións do conto final: a de Noa MF da Milagrosa e mais a de Mara Prieto Rey do mesmo San Jorge. Moitos parabéns, artistas!

Hoxe levamos esta historia intergaláctica a Vite, a ver que nos depara a mañá!